“Virtual DC” : un artigo de Armando Requeixo para o noso blog (e sobre o noso blog)

armando requeixo

Armando Requeixo, especialista na obra de Díaz Castro, nunha imaxe de Marcos Candia

“En plena primavera, souben do agradecido abrocho de Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro (https://letrasga2014.wordpress.com/), a magnífica páxina que dende a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago un moi competente grupo de bibliotecarios desta institución botou a andar, continuando cunha liña de traballo que nos regalara xa aos usuarios páxinas similares verbo de homenaxeados co Día das Letras Galegas de anos anteriores.

Fiquei daquela ben gratamente impresionado polo paciente e fondo traballo que a páxina amosa. Non me cabe dúbida ningunha de que, para calquera investigador ou curioso da biobibliografía diazcastriana, este recurso é unha fonte de consulta indispensable, pois moita é a información e os valiosos materiais que aquí poden atoparse.
Os que visiten a páxina descubrirán pronto que nela está aloxada unha das máis completas cronoloxías sobre o autor, naturalmente complementada cunha amplísima bibliografía que, amais, ten a virtude de estar referenciada respecto dos fondos que a propia USC atesoura. Neste sentido, para aquel que procurar textos concretos verbo da escrita de ou sobre Díaz Castro, esta web ha de resultar, por forza, un viveiro vizoso do que poder tirar partido.
Mais a Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro non só debe agradecérselle que poidamos descargar comodamente as amentadas cronoloxía e bibliografía, senón que na páxina tamén hai subenlaces para a consulta de moi informadas seccións sobre o Díaz Castro tradutor, a súa produción poética, os versos que outros creadores lle dedicaron ou as edicións, ensaios e estudos dos que foi obxecto, todo, insisto, con indicación referenciada da ubicación exacta destes ítems nos fondos da USC.
Se ao anterior sumamos as entradas con información varia sobre iniciativas do Ano Díaz Castro das que Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro se foi facendo eco (a reedición, con versión dixital, do cómic Xosé María Díaz Castro. Versos guitiricenses; unha animación sobre “Nimbos”•e “Esmeralda”; o videoclip do tema “Esa lus” protagonizado polas alumnas do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz), amais da divulgación de materiais e textos poucos coñecidos do escritor (velaí, poño por caso, as súas angueiras como narrador humorístico nas páxinas de La Hoja del Lunes da Coruña), temos á vista as razóns de por que esta web é unha preciosa fonte para o coñecemento do mundo do guitiricense.
Non quero rematar sen chamar a atención sobre un outro recurso estimable: a escolleita lista de blogs que na parte superior do lateral dereito da páxina pode atoparse. Cinco enlaces a outros tantos lugares da Rede nos que a figura de Díaz Castro cobrou protagonismo e que serán de axuda aos que anden tentando saber máis e mellor verbo do escritor.
A miña querenza diazcastriana non me deixa senón aplaudir, con entusiasmo, este esforzo colectivo que se concretou na imprescindible Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro, web máis que recomendable que nos devolve unha imaxe dun virtual DC, accesible para todos e soarego perfecto á necesaria visita ao seu universo literario, do que esta páxina é un ideal guieiro polo que cómpre congratularnos e felicitar a todas e todos os que o fixeron posible”.

                                                          Armando Requeixo, xullo 2014

Advertisements

O día anterior ao Día das Letras 2014: Díaz Castro, sempre

 

A próxima data das Letras Galegas fai que se multipliquen nos últimos días as homenaxes ao poeta de Guitiriz. Na BUSC estamos a recibir moitos volumes, mesmo algúns editando poesía inédita, dos que pasaremos a falar. Pero primeiro queremos aludir a algunhas iniciativas que atopamos na rede e que nos pareceron fermosas, orixinais e especialmente interesantes   Gustounos moito esta banda deseñada realizada por Xavier Varela e que podedes ver en liña.

diazcastrodefini

Coberta da banda deseñada debuxada por Xavier Varela.

 

Tamén atopamos nestes días, esta fermosa animación, Nimbos e esmeralda, microespazos animados na páxina de Cultura Galega da Xunta.

 

 

Impresionante é o traballo que desenvolven no IES Poeta Díaz Castro. Deixamos a ligazón ao seu  proxecto  totalmente interdisciplinar  A lus do mundo que inclúe un documental, karaoke, unidades didácticas…e esta canción gravada polas rapazas e polos rapaces do centro e que a nós atrapounos:

 

 

 

 

E pola nosa parte, queremos , no día anterior a celebración das Letras do país, amosaros, nunha fotografía conxunta as últimas cousas que vemos de recibir na BUSC:

 

últimafoto

A edición da Poesía galega completa  a cargo de Armando Requeixo editada por Galaxia. A imprescindible e novedosa edición de Sombras radiantes y otros poemas a cargo de Luís González Tosar e Armando Requeixo e que reúne a poesía en castelán de Díaz Castro. Esta obra editouse en Madrid pola editorial Eneida. E, por último, a edición de Nimbos a cargo de González Tosar e editada por Galaxia neste 2014

 

Díaz Castro, a “Escolma de Poesía Galega” e unha carta a Fernández del Riego

escolma

Exemplares na BUSC de “Escolma de Poesía Galega”, “Xosé María Díaz Castro: nimbos de luz na insua dos poetas”, Facsímil da revista “Alba” co artigo sobre a “Escolma…” e carta de Díaz Castro a Fernández del Riego de 1959.

Vemos de adquirir na biblioteca o volume Xosé María Díaz Castro: nimbos de luz na Insua dos poetasNel reprodúcense as cubertas das edicións das súas obras, poemas escritos por diferentes autores coma homenaxe e, tamén, algunha  carta mecanografada e corrixida a man polo autor de Guitiriz. Pareceunos especialmente interesante unha delas, da que reproducimos uns fragmentos a continuación. Nesta carta, con data 14 de maio de 1959 e cuxo correspondente é Francisco Fernández del Riego, Díaz Castro  agradece o interese pola súa poesía e o convite a enviar orixinais para un libro:

Su insistencia en que le envíe material para un libro, lejos de molestarme, es para mí un inmerecido homenaje (…). Últimamente he recibido de Ramón Piñeiro el mismo ruego que V. me había hecho de enviar algo para “.  (…). El caso real es que desde los tiempos de”Alba”, no he escrito ni una línea y el orignal de que disponía no era suficiente para la extensión de un libro normal. No me ha sido posible escribir nada, ni aún como mero pasatiempo(…) De acuerdo con la sugerencia de Ramón Piñeiro, mi libro se publicaría después de una serie de tres de otros autores, de modo que si, para esa fecha, no tuviese preparado el original suficiente, prescindiría de la selección y enviaría todo el material disponible y algunos poemas nuevos (…)

A V. lo mismo que a Piñeiro, Carballo-Calero, Celso Emilio y tantos otros que me estimulan y alientan quiero agradecerles profundamente sus juicios favorables y su simpatía. Y no quiero defraudarlos”

 

Nesta carta na que Díaz Castro alude á futura publicación de Nimbos, prezamos tamén o valor que outorgaban á súa poesía os autores que  cita e o agradecemento que el amosa.

Previamente, Díaz Castro Xa aparecera representado na imprescindible Escolma de Poesía Galega (1955) no volume “Os contemporáneos”, dirixida por Fernández del Riego. Nesta obra colectiva aparecen diferentes poemas que, coma indica Ramón González-Alegre na presentación que fai nesta antoloxía do noso poeta, ” corresponden de 1 a 5 a un libro inédito”.  Serían os poemas “Vísperas”, “Terra rebada”, “Con este alento”, “Monumento a ausencia” e  “Intre de beizos”. Os poemas “Penélope” e “A cerna” publicáranse en revistas con anterioridade.  Incidindo un pouco mais na importancia da Escolma, gustaríanos citar o artigo que tamén Ramón González Alegre adica a esta importante obra no número 16 da revista Alba, fogar tamén no que publicou poemas Díaz Castro. No artigo titulado “La Escolma de Poesía Gallega” de Francisco Fernández del Riego, faise unha exposición do carácter e importancia desta obra, dos criterios de selección e inclusión de autores, e mesmo rebatindo algunhas críticas que recibira no momento da súa publicación.

Como podedes ver, tiramos dun fío dunha carta, pasamos por unha escolma, chegamos á crítica da mesma…e todo tédelo nos fondos da BUSC.

 

Nota: Vemos de engadir unha pestana na cabeceira do blog na que iremos anotando os poemas adicados a Díaz Castro por outros poetas.

Díaz Castro, tradutor de Rilke na revista Dorna

 

20140421_103259

Número da revista Dorna no que aparecen as traducións de Rilke. Ilustración da cuberta de F. Mantecón

De Díaz Castro coñecemos, ademais da súa traxectoria coma poeta -mesmo tamén noutras línguas ademais do galego- a súa faceta de tradutor, actividade que desenvolveu prácticamente durante toda a súa vida. Tamén a de colaborador de diversas revistas literarias. Queremos abordar estas dúas facetas poñendo coma pano de fondo a fecunda colaboración que mantivo coa revista Dorna, editada pola Cátedra de Filoloxía Galega da  Universidade de Santiago de Compostela.  Como di Armando Requeixo no seu Vida e obra de Xosé María Díaz Castro:

A presenza de Díaz Castro en Dorna débese aos bos oficios de González Tosar, principal animador da publicación nos seus inicios en calidade de coordinador. El foi quen  en outobro de 1982, apenas un ano despois de botar a andar a revista, se puxo en contacto co escritor para convidalo a participar naquel proxecto, principiando con el unha longa relación que logo foi persoal p. 67

Díaz Castro publica nesta cabeceira poemas escritos directamente en alemán e francés, poemas en galego tamén que non tiñan versións anteriores e, como avanzamos previamente, traducións de sobranceiros poetas doutras literaturas, coma o caso de Rainer María Rilke. Do poeta alemán traduce “Manchmal geschieht es in tiefer nacht” ( “No mais fondo da noite ocorre ás veces”), “Nacht den gebeten” (“Despois das oracións”)  e “Eros” no n. 8 correspondente aos meses marzo-maio e no suplemento caderno de crítica literaria, p. 42-43

eros

Tradución do poema “Eros” de Rainer María Rilke realizada por Díaz Castro na revista Dorna, n.8, marzo-maio 1985

Na pestana correspondente do noso blog pódense consultar outras  traducións realizadas polo noso autor.

Díaz Castro, humorista en “La Hoja del Lunes”

Lendo o interesante Vida e obra de Xosé María Díaz Castro  de Armando Requeixo, atopamos un dato que nos chamou moitísimo a atención:

“…Díaz Castro cultivou tamén unha outra vea literaria de moi diferente xorne: a escrita de prosas humorísticas breves. Así, entre o 24 de abril de 1944 e o 15 de outobro de 1945 publicou na sección “Anecdotario humorístico ” de La Hoja del Lunes de La Coruña mais de vinte colaboracións asinadas baixo diferentes pseudónimos que popularizaron a personaxe de Antón do Foxo …”

Buscando na Biblioteca Virtual de Prensa Histórica , accedemos a algunha destas colaboracións que aportamos coma curiosidade :

foxoprimera

Primeira das anécdotas protagonizadas por Antón do Foxo, aldeán rico, e publicada na “La Hoja del Lunes” o día 8 de maio de 1944 , asinada baixo o seudónimo “Ikarus”.

foxo maio45

A derradeira aparición do aldeán Antón do Foxo na “La Hoja del Lunes ” o día 15 de outobro de 1945, asinada esta vez baixo o seudónimo “Castelo”.