“Virtual DC” : un artigo de Armando Requeixo para o noso blog (e sobre o noso blog)

armando requeixo

Armando Requeixo, especialista na obra de Díaz Castro, nunha imaxe de Marcos Candia

“En plena primavera, souben do agradecido abrocho de Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro (https://letrasga2014.wordpress.com/), a magnífica páxina que dende a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago un moi competente grupo de bibliotecarios desta institución botou a andar, continuando cunha liña de traballo que nos regalara xa aos usuarios páxinas similares verbo de homenaxeados co Día das Letras Galegas de anos anteriores.

Fiquei daquela ben gratamente impresionado polo paciente e fondo traballo que a páxina amosa. Non me cabe dúbida ningunha de que, para calquera investigador ou curioso da biobibliografía diazcastriana, este recurso é unha fonte de consulta indispensable, pois moita é a información e os valiosos materiais que aquí poden atoparse.
Os que visiten a páxina descubrirán pronto que nela está aloxada unha das máis completas cronoloxías sobre o autor, naturalmente complementada cunha amplísima bibliografía que, amais, ten a virtude de estar referenciada respecto dos fondos que a propia USC atesoura. Neste sentido, para aquel que procurar textos concretos verbo da escrita de ou sobre Díaz Castro, esta web ha de resultar, por forza, un viveiro vizoso do que poder tirar partido.
Mais a Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro non só debe agradecérselle que poidamos descargar comodamente as amentadas cronoloxía e bibliografía, senón que na páxina tamén hai subenlaces para a consulta de moi informadas seccións sobre o Díaz Castro tradutor, a súa produción poética, os versos que outros creadores lle dedicaron ou as edicións, ensaios e estudos dos que foi obxecto, todo, insisto, con indicación referenciada da ubicación exacta destes ítems nos fondos da USC.
Se ao anterior sumamos as entradas con información varia sobre iniciativas do Ano Díaz Castro das que Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro se foi facendo eco (a reedición, con versión dixital, do cómic Xosé María Díaz Castro. Versos guitiricenses; unha animación sobre “Nimbos”•e “Esmeralda”; o videoclip do tema “Esa lus” protagonizado polas alumnas do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz), amais da divulgación de materiais e textos poucos coñecidos do escritor (velaí, poño por caso, as súas angueiras como narrador humorístico nas páxinas de La Hoja del Lunes da Coruña), temos á vista as razóns de por que esta web é unha preciosa fonte para o coñecemento do mundo do guitiricense.
Non quero rematar sen chamar a atención sobre un outro recurso estimable: a escolleita lista de blogs que na parte superior do lateral dereito da páxina pode atoparse. Cinco enlaces a outros tantos lugares da Rede nos que a figura de Díaz Castro cobrou protagonismo e que serán de axuda aos que anden tentando saber máis e mellor verbo do escritor.
A miña querenza diazcastriana non me deixa senón aplaudir, con entusiasmo, este esforzo colectivo que se concretou na imprescindible Letras Galegas 2014. Xosé María Díaz Castro, web máis que recomendable que nos devolve unha imaxe dun virtual DC, accesible para todos e soarego perfecto á necesaria visita ao seu universo literario, do que esta páxina é un ideal guieiro polo que cómpre congratularnos e felicitar a todas e todos os que o fixeron posible”.

                                                          Armando Requeixo, xullo 2014

Advertisements

Díaz Castro, humorista en “La Hoja del Lunes”

Lendo o interesante Vida e obra de Xosé María Díaz Castro  de Armando Requeixo, atopamos un dato que nos chamou moitísimo a atención:

“…Díaz Castro cultivou tamén unha outra vea literaria de moi diferente xorne: a escrita de prosas humorísticas breves. Así, entre o 24 de abril de 1944 e o 15 de outobro de 1945 publicou na sección “Anecdotario humorístico ” de La Hoja del Lunes de La Coruña mais de vinte colaboracións asinadas baixo diferentes pseudónimos que popularizaron a personaxe de Antón do Foxo …”

Buscando na Biblioteca Virtual de Prensa Histórica , accedemos a algunha destas colaboracións que aportamos coma curiosidade :

foxoprimera

Primeira das anécdotas protagonizadas por Antón do Foxo, aldeán rico, e publicada na “La Hoja del Lunes” o día 8 de maio de 1944 , asinada baixo o seudónimo “Ikarus”.

foxo maio45

A derradeira aparición do aldeán Antón do Foxo na “La Hoja del Lunes ” o día 15 de outobro de 1945, asinada esta vez baixo o seudónimo “Castelo”.